Saturday 11 de May de 2024

Alternativa de Sada propón crear unha escola de maxia rexida pola Concellería de Cultura


A Concellería de Cultura do Goberno tránsfuga demostrou ter sobradas habilidades ao pasar dunha débeda de 164.000 euros a gastar 4.000 euros nun concurso de disfraces para o Entroido.

O Goberno tránsfuga de Sada estaba obrigado a asistir ó Pleno anterior ó da moción de censura para ter coñecemento de coma estaban as contas do Concello, mais non lle deu a gana de cumprir ca súa obriga porque optaron por conspirar contra o anterior goberno contravindo as directrices dos seus partidos. Cando asaltaron o Goberno, o concelleiro de Cultura, segundo eles, sorprendeuse de que tiña unha débeda de 164.000 euros e non había nada contratado para o Nadal, mais, a partir de aí comezou a maxia.

Inspirados no gran mago David Copperfield, futuro veraneante de Sada, e, nas tradicións druídas do Golfo Ártabro, fixeron un conxuro maxistral para facer desaparecer o “Touliña Pop”, a débeda, e obter os réditos necesarios para organizar as monumentais festas do Nadal e o concurso de disfraces do Entroido, un concurso, aberto a todo o mundo, para o cal destinaron 4.000 euros en premios, unha grande iniciativa para premiar os mellores disfraces das persoas que visiten o Entroido de Sada e que volvan para os seus concellos de orixe cos petos cheos. Por se fora pouco, ao parecer, en Sada xa están a esperar con gran expectación á comparsa tinerfeña “Los Joroperos” cuxos gastos en desprazamentos e manutención tamén correrán a cargo da maxia da citada concellería.

Por todo o exposto, Alternativa dos Veciños ve máis que probadas as habilidades máxicas da Concellería de Cultura para facer desaparecer as iniciativas culturais do noso pobo, á par de enriquecer aos visitantes da nosa vila, e por iso propón a creación dunha escola de maxia rexida pola docta sapiencia da Concellería de Cultura.